Clases dos días 19 e 20 de marzo de 2013

Traballamos coa policía.

Os gabinetes de comunicación son hoxe indispensables en todo tipo de empresas, organismos, institucións e colectivos profesionais, culturais, sociais e  de todo tipopo. Os medios reciben centos de notas todos os días, e gran parte do labor do xornalista consiste en procesar esa información. Moitos, moitísimos primeiros traballos de becario consisten, precisamente, en adaptar e “darlle unha volta” ás notas enviadas polos gabinetes. Tedes dous enlaces a dúas informacións remitidas pola comisaría do Corpo Nacional de Policía (así é como se chama, e non policía nacional) de Santiago de Compostela. Son notas reais, que saíron publicadas nos medios. Podedes escoller calquera das dúas temáticas que vos propoño. Hai información dabondo, pero non temos que esquecer que é información peneirada pola propia policía, isto é, dan datos e omiten outros segundo lles conveña. Nós teremos que refacer ese material e facelo publicable. Veredes que a policía cae en erros de redacción dos que falamos na clase. Na casa só vos pido que leades ese material e que vos familiaricedes con el. Na clase faremos, primeiro, un esquema decidindo cada un a información máis relevante. Redactaremos unha pequena entradilla, un corpo do texto e, ao final titularemos e compararemos resultados. Rara vez a policía da os nomes dos detidos. Podemos debatir esa cuestión e se, como xornalistas, temos que dar ou non os datos persoais no caso de que os coñezamos á marxe da información do gabinete. Os enlaces son os seguintes:

Un ladrón de ximnasios [aquí]

Roubos de xoias [aquí]

 

 

Escribir é importante, pero ler aos mestres tamén. Clases dos días 5 e 6 de marzo

Nestes días raros, déixovos unha lectura moi recomendada. Non estaría mal que lle fagades algo de caso ao manifesto que vén de escribir Tim Radford, xornalista xubilado de The Guardian. Aquí tedes a versión en castelán e aquí o orixinal, en inglés. Engadide, a modo de prólogo ou de epílogo, aquela frase do mestre Kapuściński que vos repito de cando en vez: ”Para ser bo xornalista, hai que ser boa persoa”. Despois repasade por favor os textos sobre Sermos Galiza, cambialos uns cos outros e facede as correccións que estimedes. A semana que vén estamos ao cen por cen (confío). Saúdos.