Clases dos días 26 e 27 de febreiro

Algúns xa estades avisados. En calquera caso, nin hoxe nin mañá estarei con vós por causa médica. Iso non quere dicir que non haxa clase. Abriranvos a aula e todos tedes traballo: redactar a presentación de Sermos Galiza que fostes cubrir o xoves pasado. Lembrade algunhas cousas:

1. Coidade o inicio, hai que despertar a atención do lector. Frases curtas. Podedes comezar cunha  frase literal de algúns dos que estaba na presentación que resuma, por exemplo, os obxectivos da nova publicación. E desde aí, redactade o resto da noticia seguindo as pautas que Xosé vos explica na teoría.

2. Procurade dar resposta ás famosas W . Non comecedes co cando. A presentación realizouse o xoves, pero temos que darlle a máxima actualidade posible. Sería correcta a fórmula: “Sermos Galiza nace para a construción colectiva dun novo medio de comunicación galego”. Así o dixeron [onte, o xoves...] en Santiago XXX e XXX“. Non sería correcto comezar: “Onte presentouse en Santiago Sermos Galiza”.

3. Hai que atribuír todas as frases literais que empreguedes, con  nome e cargo da persoa que as di: Fulano de Tal, director editorial. Prestade moita atención a escribir correctamente nomes e apelidos. Se cometemos erros perdemos credibilidade.

4. Fuxide no posible das frases subordinadas. Mellor frases curtas, puntos e seguido. Ritmo.

5. Lede varias veces o texto antes de darlle a publicar. Convén que cambiedes o texto entre vós para detectar erros, de estrutura e tamén de ortografía; catro ollos ven máis que dous.

6. Non abreviamos nada. Se empregamos siglas, poñemos primeiro que significan e as siglas entre parénteses.

7. Tampouco abreviamos nomes. Non existen J. Manuel, M. del Carmen… J. Manuel pode ser o mesmo Juan Manuel que José Manuel, e iso enreda. Nomes completos e claros.

8. Facede un pequeno esquema do que queredes contar antes de lanzarvos, ben sexa mental, ben escrito. Pensade que nunha presentación dinse moitas cousas e nós, como xornalistas, temos que sacarlle a esencia a todo iso.

9. Fuxide dos xuízos de valor. Calquera afirmación e opinión verquida na presentación terá que ser atribuída a quen a fai.

10. Non sobreactuedes: escribide como falades. Iso non quere dicir que non haxa riqueza léxica. Empregade sinónimos: dixo, asegurou, afirmou, explicou…

Se todo sae sobre o previsto, correxiremos os traballos nas clases dos días 5 e 6 de marzo. Saúdos e ánimo.

Deja un comentario