Clase do 13 de febreiro do 2013

Hoxe foi día de presentacións. Falamos dos obxectivos da asignatura e creamos o blog persoal de cada un, unha espazo que será ferramenta de traballo no día a día e tamén carta de presentación. Os blogs están feitos desde a plataforma WordPress empregando un servidor propio da Universidade de Santiago de Compostela (USC) -lembrade, así é como se escriben as siglas a primeira vez, poñendo primeiro o nome completo do organismo que sexa-.  Logo de crear cada blog, seguindo todos o modelo de xornalismousc.com/nomeapelido do alumno, escribimos o primeiro post: unha presentación, sen máis. O obxectivo é ver cómo escribe cada un, saber como manexamos a ortografía, a acentuación, a puntuación. Cuestións todas fundamentais e básicas. Fixemos correción comunitaria e saíron as primeiras cousas. Falamos de como escribimos as siglas; os anos, sempre en número e sen punto (2003); as idades, en número (teño 18 anos); os guarismos (ou algarismos), en letra sempre e cando a cantidade se escriba cunha soa palabra: mil; en número cando non é así (1.548). Fuximos de expresións como “etcétera” ou “etc”;  empregamos as aspas só para as citas textuais. Se queremos remarcar unha palabra ou dotala de carga irónica, farémolo empregando cursiva, tamén se inserimos termos doutros idiomas. Utilizaremos como libro de apoio a versión 3.3 do Libro de Estilo de La Voz de Galicia, que se pode descargar neste mesmo blog, arriba. Traballaremos sempre cunha pestana aberta para consultar dúbidas, ben no dicionario da Real Academia Española (RAE), ben o da Real Academia Galega (RAG). Damos liberdade absoluta para todo o que ten que ver co deseño do blog. Insisto en que publiquedes tendo claro que o blog será de acceso público. Os comentarios ás entradas só se publican se vós os moderades na sección Comentarios. E rematamos dando pistas sobre o tema co que comezaremos a traballar xa textos informativos na clase seguinte, sempre: a dimisión do papa (con minúscula). Iso, se non pasa nada de maior relevancia. Convén que lle botemos un ollo ao Libro de Estilo de La Voz de Galicia (en cursiva o título, precisamente porque é o título, o mesmo que os das películas, os nomes de animais, os alcumes, os nomes de barcos…) Hai que ler moito e estar informados da actualidade, porque en calquera momento igual temos que improvisar un escrito. Tentaremos que este blog resuma a esencia de cada clase. Pero ollo, só a esencia: a asistencia é obrigatoria. As ausencias deben ser comunicadas ao meu enderezo electrónico. Saúdos.

Deja un comentario